Thursday 02 de May de 2024

A Rede de Aulas de Capacitación Dixital da Xunta suma16 centros e chega a 71 en toda Galicia


Estes espazos permiten á cidadanía formarse en competencias dixitais para o aceso a servizos como a banca, a relación coas administracións ou o consumo telemático

En 2023 formáronse máis de 2.400 persoas nestas aulas e está previsto formar outras 2.792 en 2024

A Xunta de Galicia incorpora 16 novos centros á Rede de Capacitación Dixital, de tal forma que son xa 71 os centros que imparten ensinanzas para persoas adultas de educación secundaria, bacharelato ou FP, que dispoñen destas aulas. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un total 1.230.875€ para o conxunto destes espazos.
Esta actuación pon ao servizo da cidadanía as infraestruturas e dotacións dos centros educativos para formarse nas competencias dixitais transversais necesarias para desenvolverse de forma cotiá nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, na que servizos esenciais, tales como a banca, o acceso ás administracións públicas ou o consumo se realizan de forma telemática.

As actividades van dirixidas, preferentemente, ás persoas maiores de 55 anos cun nivel baixo de cualificación neste eido, atendendo especialmente a fenda de xénero, á poboación vulnerable e ás zonas rurais, de acordo co establecido na Estratexia Edudixital 2030, que ten como eixo segundo a mellora das competencias dixitais da cidadanía no ámbito das súas competencias.
Durante o seu primeiro ano de funcionamento formáronse en competencias dixitais básicas nas 55 aulas habilitadas na primeira convocatoria un total de 2.409 persoas e agárdase chegar a 2.792 ao longo do ano 2024.
A relación de centros dotados con estas aulas, das que as marcadas en verde son de nova incorporación, é a que se reflicte no seguinte cadro: